O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos aconsella nas observacións enviadas á Xunta que o futuro texto lexislativo “priorice a calidade fronte ao prezo ou custo dos concursos de ideas e redacción de proxectos”

Santiago de Compostela. Febreiro de 2021.

Santiago de Compostela. XX/02/2021. O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, que representa aos Colexios da Arquitectura Técnica das catro provincias de Galicia, solicitan á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que a futura Lei de Arquitectura “facilite a participación das pequenas e medianas empresas no ámbito da contratación pública”. E como se consegue? Os aparelladores de Galicia, que preside Pelayo C. Eyo Valladares, cren que a través da “división do contrato en lotes”, tal e como reflicte a Lei de Contratos do Sector Público ( LCSP), que introduce este requisito entre as medidas de apoio ás pemes no referente a simplificación do procedemento e redución de cargas administrativas. O Consello Galego aconsella que esta nova lei galega siga a pauta da LCSP, que “consolida a regra xeral de división do contrato en lotes, sendo excepcional a súa contratación conxunta, o que facilita o acceso á contratación pública a un maior número de empresas”. Os aparelladores de Galicia recomendan tamén que a nova norma “priorice os aspectos cualitativos [da arquitectura] sobre o prezo ou custo dos concursos de ideas e a redacción de proxectos que se liciten”.
O Consello Galego integrado polos Colexios Oficiais da Arquitectura Técnica xa enviou á Consellería as súas achegas ao texto da futura lei. O período de consultas previas finalizou en xaneiro de 2021. Estas consideracións, xunto ás doutras entidades do sector, serán analizadas pola Administración autonómica. O Goberno galego comprometeuse a incorporar cuestións que enriquezan o futuro texto lexislativo, en fase inicial. O anteproxecto de Lei será redactado pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Posteriormente será enviado ao @Consello de la Xunta, quen debe autorizar o inicio da tramitación. A súa aprobación final corresponde ao Parlamento de Galicia.

Comisións e grupos de traballo
Os aparelladores de Galicia agradecen a consulta a través do portal de transparencia da Xunta e solicitan que as súas observacións sexan atendidas. Porque cren que, #ante a “complexidade” do reto de elaborar a Lei de Arquitectura de Galicia, “é capital a participación activa de todos os axentes que interveñen no pluridisciplinar proceso edificatorio e o urbanismo”. Ao mesmo tempo, o máximo órgano de representación desta profesión en Galicia cre “esencial” a súa participación “en cantas comisións ou grupos de traballo crense para elaborar esta lei”. Reitera á Xunta o seu ofrecemento de colaboración.
Os aparelladores de Galicia, así mesmo, advirten que a contratación da Dirección da Execución da Obra (que corresponde aos arquitectos técnicos en exclusiva do control cualitativo e cuantitativo) e a Coordinación de Seguridade e Saúde “deben licitarse de forma independente da contratación do proxecto e da Dirección de Obra. Por que? “Porque nos atopamos #ante axentes e figuras diferenciadas no proceso de edificación, con funcións e responsabilidades específicas”. O Consello Galego recomenda, por outra banda, que a nova lei teña en conta a rehabilitación enerxética a través dunha transformación “rendible e viable” dos edificios existentes.
O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos entende que “a arquitectura no seu conxunto debe considerarse un ben de interese xeral que ha de ser preservado, difundido e fomentado polos poderes públicos”. E asegura que “a arquitectura de calidade non debe ser definida só pola estética e funcionalidade, senón tamén pola súa contribución á calidade de vida, á economía circular do proceso e ao desenvolvemento sostible de cidades e áreas rurais”.

 

Prensa Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos. 679.486.961