O Consello Galego de Colexio de Aparelladores e Arquitectos Técnicos cre que para executar o ‘Pacto Social pola Vivenda 2021-2025’ é “capital” que os concellos axilicen o proceso para tramitar as licenzas de obras.
Os arquitectos técnicos trasladan á Xunta a súa aposta pola rehabilitación e cren que unha “sociedade competitiva e moderna” non pode asumir que a ‘luz verde’ a unha licenza urbanística tarde “de 18 a vinte meses de media”

Santiago de Compostela. Marzo de 2021.

O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, que representa aos Colexios da Arquitectura Técnica da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, denuncia a “inaceptable” retardación do proceso de concesión de licenzas urbanísticas por parte da maioría de Concellos da comunidade autónoma de Galicia. O presidente do Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, Pelayo C. Eyo Valladares, así llo transmitiu recentemente á Administración autonómica a través dunha videoconferencia que abordou cos protagonistas do sector o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025.

O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos destaca “a importancia capital” que teñen as licenzas municipais para o desenvolvemento e execución do Plan Social pola Vivenda 2021-2021 impulsado pola Xunta a través da Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Vivenda, que xestiona Ánxeles Vázquez. Pelayo C. Eyo Valladares lembrou recentemente tanto á conselleira como ao director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, que a Lei 2/2016 do Solo de Galicia fixa un prazo máximo de tres meses para a concesión dunha licenza urbanística municipal. “Hoxe o tempo medio de concesión establécese entre 18 e 20 meses”, lembrou o máximo representante dos ‘ aparelladores’ de Galicia. Ao seu xuízo, “nunha sociedade moderna e competitiva esta demora é inaceptable”.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda solicitou a través de videoconferencia aos aparelladores e arquitectos técnicos de Galicia a súa implicación para poñer en valor as vilas e cidades de Galicia. A Xunta mobilizará 72 millóns de euros en 2021 nas varias liñas de actuación en materia de vivenda: 28 millóns para facilitar o acceso á vivenda; máis de 35 millóns a actuacións de rehabilitación e renovación urbanas e outros oito millóns a chan residencial. A Administración autonómica pediu tamén a súa implicación para impulsar o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, a folla de roteiro pensado para as familias e empresas e que sirva de axuda para relanzar a reactivación económica e social de Galicia.

Que achegan os aparelladores ao Pacto?

O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos está ao dispor da Administración autonómica. E para que o desenvolvemento e execución do Pacto Social pola Vivenda 2021-2025 ofrece a súa estrutura colexial técnica e humana con presenza física nas sete grandes cidades de Galicia, o capital de máis de 2.500 profesionais con ampla cualificación en construción e rehabilitación que coñecen o territorio e a sociedade galega e sobre todo o visado colexial, “unha ferramenta efectiva que asegura o control da legalidade e acelera o proceso de concesión de licenzas”.
Tamén ofrecen a experiencia na colaboración entre Colexios de Aparelladores e IGVS na xestión e o control de subvencións en casos similares ao que nos ocupa.

Os aparelladores de Galicia transmitiron á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que a rehabilitación, rexeneración e renovación do parque de vivendas de Galicia debe ser protagonista no Pacto Social pola Vivenda 2021-2025 porque é necesario e urxente “manter e conservar o patrimonio construído; fomentar e mellorar a eficiencia enerxética das vivendas e, tamén, protexer os inmobles do gas radon”. Neste sentido, solicitou “bonificacións fiscais”. E, ao mesmo tempo, reivindicou “reducir a demanda de novos desenvolvementos urbanísticos”.

Respecto a os aspectos que son mellorables no ámbito da construción e a vivenda en Galicia, Pelayo C. Eyo Valladares insistiu na recente videoconferencia na que participou *Ánxeles Vázquez e Heriberto García Porto que a demora que presentan as autorizacións urbanísticas municipais son unha traba para desenvolver o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025. Tamén propuxo simplificar todos os trámites de autorizacións sectoriais, na concesión das licenzas urbanísticas.

Axilizar as licenzas municipais

¿Que solucións propuxo o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos para salvar esta barreira? Por exemplo, segundo explicou o presidente do Consello Galego, “dotar de maior capacidade técnica aos Concellos de Galicia para que poidan incrementar os seus persoais e que estas poidan facerlle fronte a ese reto” de axilizar procesos administrativos. Pelayo C. Eyo cre que, sen inmiscirse en como debe ser a xestión de ningún concello, os Concellos galegos deberían destinar parte dos seus ingresos por taxas e impostos de licenzas “para reforzar os seus equipos de persoal técnico e así poder reducir uns prazos que hoxe son inasumibles”.

O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos tamén expón, no referente á cuestión das licenzas urbanísticas, que pasados tres meses desde que se presenta unha autorización, “os solicitantes poidan instar á administración local para que sexa máis diligente na contestación a esa solicitude de autorización de licenza para construír, por exemplo, unha vivenda”. Os aparelladores de Galicia, a través do seu presidente, tamén lle transmitiron á Administración autonómica a súa preocupación sobre o resultado final dunha licenza urbanística dependendo de que técnico municipal analícea. “A normativa municipal non é clara e dá pé a diferentes interpretacións; por iso dependendo de que técnico informe sobre unha solicitude; o resultado final será un ou outro”, denunciou o presidente do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.

Prensa Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos. 679.486.961