Os profesionais da arquitectura técnica chegados de toda a xeografía española cumpren coa tradición xacobea e invocan a axuda do Apóstolo na súa peregrinación a Santiago

O presidente do Consejo General de la Arquitectura Técnica de España, Alfredo Sanz, realizou a ofrenda na Misa do Peregrino na Catedral, á que acudiron os presidentes dos catro colexios galegos: José Manuel Grandío, Roberto Medín, Darío López e Manuel Rañó, en representación dos aparelladores galegos

Santiago. 17/09/2022. O presidente do Consejo General de la Arquitectura Técnica de España (CGATES), Alfredo Sanz Corma, en representación de todos os aparelladores e arquitectos técnicos de España, realizou a Ofrenda ao Apóstolo Santiago o sábado, 17 de setembro de 2022, na Misa do Peregrino na Catedral de Compostela, cumprindo así coa tradición xacobea no Ano Santo 2021-2022. Tamén asistiu, en representación dos aparelladores galegos, José Manuel Grandío, presidente do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos (CGCAAT).

Profesionais da arquitectura técnica chegados de diversos puntos da xeografía española participaron puntualmente o sábado, 17 de setembro de 2022, ás 09.30 horas, na tradicional Misa do Peregrino. Ademais dos membros da xunta directiva do CGATES, que representa a 55 colexios, tamén acudiron os presidentes dos catro entes provinciais da arquitectura técnica de Galicia: Roberto Medín Guyatt, do da Coruña (COATAC); José Manuel Grandío, presidente do colexio de Lugo (COATLU) e do CGCAAT; Darío López Fernández, presidente do de Ourense (COAUTOU); e Manuel Rañó, presidente do de Pontevedra (COATPO). Tamén estivo presente Rosana Rivas Mariño, secretaria do Consello Galego e vogal da demarcación de Santiago do COATAC.

Alfredo Sanz Corma fixo en nome dos aparelladores e arquitectos técnicos a invocación ao Apóstolo Santiago. Destacou a secular tradición dos profesionais que representa de acudir en peregrinación cada Ano Santo a Santiago. E lembrou a vinculación da profesión da arquitectura técnica coa Catedral de Santiago e co Camiño de Santiago. Aludiu ao Mestre Bernardo o Vello, “quen iniciou esta magnífica basílica”, dixo. Alfredo Sanz Corma aludiu, en definitiva, aos antecesores na profesión de aparellador que participaron na construción da Catedral de Santiago de Compostela, fai xa máis de 800 anos, unha obra de arquitectura única. E tamén fixo referencia a San Juan de Ortega, patrón dos profesionais aparelladores, impulsor da construción de calzadas, pontes e hospitais para peregrinos no Roteiro Xacobeo entre Logroño e Burgos e seguidor de Santo Domingo de la Calzada.

O presidente do Consejo General de la Arquitectura Técnica dixo que os profesionais que representa continúan “co labor de proporcionar refuxio”. E ao Apóstolo Santiago pediu “tutela nos nosos quefaceres”. “Non só son necesarios os refuxios para o corpo, tamén para a alma, e por iso acudimos a este santo lugar para invocar os teus favores”, dixo. “A peregrinación constitúe unha metáfora do transcorrer da vida, e na nosa viaxe colectiva pedímosche protección e amparo, así como comprometémonos a facernos dignos deles, e con profunda humildade dámosche as grazas por acollernos”, concluíu Alfredo Sanz Corma na súa ofrenda ao Apóstolo Santiago.

Tras a Misa do Peregrino, os asistentes puideron contemplar en funcionamento o Botafumeiro. Máis tarde acudiron á Praza do Obradoiro e desde alí, ao Hostal dos Reis Católicos. Posteriormente visitaron o Museo do Pobo Galego, en Santo Domingo de Bonaval. No marco da peregrinación a Santiago o Consejo General de la Arquitectura Técnica de España celebrou a súa asemblea xeral. Foi durante a mañá do venres, día 16 de setembro de 2022.

+ info: www.aparelladores.org Prensa Consello Galego Aparelladores. 679.486.961