O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos teme que a carestía de materiales de construcción e man de obra impida a execución do 100% destos fondos procedentes da Unión Europea.

“A oportunidade é única”, afirma Roberto Medín Guyatt, presidente dos ‘aparelladores’, quen alerta: “Si non se executan os fondos que recibamos no 2022, perderémolos; e quedaría comprometida a recepción de fondos futuros”.
Santiago de Compostela. 11/04/2022. “A oportunidade é única; en décadas non volverá presentarse unha ocasión en termos de rehabilitación enerxética de vivenda como a que viviremos en Galicia nos próximos dous anos”. Quen así fala é o presidente do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, Roberto Medín Guyatt, que se refire aos programas de axuda en materia de rehabilitación residencial do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, os denominados fondos Next Generation, reflectidos nos Programas de axuda RD 853/2021. “Cun pequeno investimento en rehabilitación de eficiencia enerxética, subvencionada ata o 80 por cento, podemos recortar a factura enerxética do noso domicilio desde un 30 por cento ata un 50 por cento”, destaca Roberto Medín.
A Xunta, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), xa publicou hai unhas semanas no Diario Oficial de Galicia (DOG) a normativa que regulará o Programa 4 de fomento da mellora da eficiencia enerxética de vivendas, e que está dotado en Galicia con tres millóns de euros en axudas. “Esta é unha pequena parte dos fondos; nas próximas semanas chegarán novas axudas que terán unha maior dotación orzamentaria”, apunta Roberto Medín Guyatt, quen indica que serán as correspondentes ao Programa 3 de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio e ao Programa 5 de axuda á elaboración do Libro do Edificio Existente e a redacción de proxectos de rehabilitación. Para toda España está previsto un investimento de 4.420 millóns de euros. E en Galicia? A cifra roldará os setenta millóns de euros anuais en axudas de 2021 a 2023. O total: uns 200 millóns de euros.

Un aforro de 540 euros ao ano
O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos calcula que unha vivenda media de Galicia podería aforrar ao redor dos 540 euros anuais na súa factura da luz se acomete unha obra de eficiencia enerxética, regulada polo Programa 4 dos fondos Next Generation. Unha das actuacións subvencionables fixa unha redución do consumo de enerxía primaria igual ou superior ao 30 por cento a través de illamento. “Esa porcentaxe trasládase tamén á factura enerxética da vivenda unifamiliar que afronte a obra”, asegura José Manuel Grandío, coordinador da Comisión de Rehabilitación Enerxética do Consello Galego, quen sinala que “como mínimo o noso recibo da luz recortarase un 30 por cento”. A operación que explica ese aforro é sinxela. Unha vivenda unifamiliar que gaste 150 euros ao mes en enerxía (1.800 euros ao ano) poderá aforrar ao redor de 540 euros en cada exercicio. O orzamento da obra sumará un máximo de 7.500 euros, dos cales 3.000 euros serán subvencionados. Pero o Programa 3, dirixido a comunidades de propietarios e que pronto estará operativo, as subvencións e aforros serán moito maiores.

O Consello Xeral da Arquitectura Técnica en España (CGATE), ao que pertencen os colexios da Arquitectura Técnica da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, integrados á súa vez no Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, presentou hai unhas semanas unha calculadora que cuantifica o custo neto da rehabilitación enerxética dun edificio e a partir das subvencións dos fondos Next Generation. Os arquitectos técnicos pretenden axudar así a comunidades de veciños, administradores de fincas e propietarios dunha casa unifamiliar a calcular o custo dos traballos de rehabilitación enerxética que serán subvencionados.

Axudas do programa 4, ata o 14 de outubro
Para o programa 4 de fomento da mellora da eficiencia enerxética de vivendas xa se poden solicitar as axudas xestionadas a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Deberá ser o domicilio habitual e permanente dos propietarios, arrendatarios ou usufructuarios. O custo das actuacións ten que ser superior aos 1.000 euros por vivenda. E a contía máxima da subvención é do 40 por cento, cun límite de 3.000 euros. O orzamento máximo subvencionable: 7.500 euros. O prazo de presentación de solicitudes será ata o 14 de outubro de 2022.

“Pero o mellor está por chegar”, afirma José Manuel Grandío, referíndose aos outros programas de axuda en materia de rehabilitación residencial que chegarán nos próximos meses a través dos fondos Next Generation. E pon un exemplo para facer ver a relevancia que teñen estas axudas: “É coma se un Goberno quixese mellorar a alimentación dunha poboación dun determinado país. E ofrece bonos para comer nos restaurantes. Por tomar un caldo pagarías 100 euros. Pero se pides un caldo e unha costeleta con patacas e ensalada, a conta sumaría 40 euros. E se a ese menú engádeslle un gran anaco de torta, entón, o total chegaría só a dez euros”. Segundo José Manuel Grandío, así actúan estas axudas para a rehabilitación. “Canto máis elevado sexa o orzamento do proxecto e sexa máis eficiente energéticamente, máis axuda recibirá quen solicite a subvención destes fondos europeos”.

Incerteza no horizonte
Algúns nuboeiros aparecen no horizonte e ameazan tormenta no sector da vivenda. É o que teme o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos. Esas nubes negras chegan da man dos efectos que para todos está a ter a errática marcha da economía española. E aí están o encarecemento da enerxía e os combustibles e a carencia de materiais básicos na construción ou as dificultades para atopar man de obra cualificada. Grandío cre que o futuro próximo presenta dúbidas. “A incerteza sobre como evolucionarán os acontecementos nos próximos meses pode afectar á execución dos fondos Next Generation”. E pon un exemplo: “Os construtores e promotores están a dar presupostos con validez de 10 a 15 días; se pasadas dúas semanas non se fixo a provisión de materiais, xa non garanten ese prezo”. Tamén coñece casos de “empresas que paran a súa actividade temporalmente porque non teñen materiais para traballar”. O experto do Consello Galego teme que a conxuntura actual poida levarnos a un “desastre”. Por que? “Porque se pode dar a circunstancia de que nos dean moito diñeiro procedente da UE que non poderemos investir, que non poderemos gastar”. Mesmo teme que “non haxa suficientes empresas para executar tanto volume de proxectos de rehabilitación que sairán ao mercado”. Pola súa banda, Roberto Medín Guyatt, alerta de que “se non se poden executar unha parte importante dos fondos Next Generation asignados para 2022, e que dependen en gran parte da construción; os devanditos fondos perderíanse, segundo a actual normativa”. E mesmo vai máis aló: “Ademais comprometeríase a recepción de fondos futuros ao incumprirse os compromisos de execución adquiridos ante a Unión Europea”.

 

+ info:
Aparelladores. Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos
Calculadora energética do Consello General da Arquitectura Técnica de España
Prensa do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos. 679.486.961