O presidente do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, Pelayo Eyo Valladares, entregou unha Mención aos arquitectos Juan José Creus Andrade e Covadonga Carrasco López, que foron galardonados nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020 polo seu traballo no Centro Social en Cornido, no Concello de Carnota.

No acto de entrega celebrado o 5 de maio de 2021 na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, que presidiu o xefe do Executivo de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, os presentes deixaron patente o seu compromiso coa recuperación urbana, paisaxística e coa sustentabilidade para deseñar as vilas e cidades do mañá.

Durante o acto de entrega dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020, ao que tamén asistiu a conselleira de Vivienda, Ánxeles Vázquez, o presidente da Xunta destacou a implicación dos profesionais de sector na recuperación do noso patrimonio urbanístico, no embelecemento das poboacións e da posta en valor da nosa cultura paisaxística; así como a aposta pola sustentabilidade ambiental e a eficiencia, sen sacrificar a funcionalidade nin a estética. Incidiu na importancia da arquitectura como elemento dinamizador da economía, do turismo e da demografía, “un sector que ten moito que dicir na reconstrución económica que afrontamos”.

O titular da Xunta recordou que o Executivo autonómico desenvolve iniciativas en varias frontes: vivenda, urbanismo e paisaxe. “Plasmamos toda a nosa política para os vindeiros cinco anos no Pacto Social pola Vivenda, asinado en xaneiro, e que mobilizará máis de 1.080 millóns para beneficiar a 70.000 familias, ademáis de contribuír a xerar ou manter 30.000 empregos”.

 

Premios de Arquitectura 2020

O fallo do xurado dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020 concedeu o Premio Galego de Arquitectura 2020 á Escola Infantil de A Veigadaña no Concello de Mos, e o galardón á traxectoria profesional ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Tamén se recoñeceu o Premio Especial á Sustentabilidade á reforma dun edificio existente para oito vivendas unha oficina e aparcamento no número 11 da rúa Colón en Vigo. O premios recollen catro categorías, as tres citadas e o Premio Galego de Rehabilitación 2020, que se repartiron entre tres obras ganadoras: a reconstrución de vivenda afectada pola vaga de lumes en Saa, en Carballeda de Avia, a rehabilitación dunha vivenda particular en Vigo, proxecto do arquitecto Alfonso Penela Fernández, e a intervención nunha bodega e a área enoturística destinada á celebración de eventos en Cenlle. Pola súa banda, houbo tres Mencións: Centro Turístico Albeida, Escola Infantil de Vilaxoán e Centro Social en Cornido (Carnota), éste último entregado polo presidente do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, Pelayo Eyo Valladares.

+ info Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020: https://premiosarquitectura.xunta.gal/es