Alerta de que perigan 80.000 empregos directos na construción ante a falta de subministracións nas obras e cifra as perdas diarias en 20 millóns de euros
O exponencial incremento de prezos das materias primas e da enerxía xunto á folga do transporte rexistrada desde mediados de marzo está a abocar a unha parálise total da actividade construtiva que desenvolve en Galicia un sector que ten un destacado peso no conxunto da economía galega. Así, a finais de 2021 a construción contaba cunha afiliación directa á Seguridade Social de 80.000 traballadores e cun total de 8.712 empresas, o que supón o 10,70 por cento do censo total de compañías na nosa Comunidade. Estas empresas xeraron no cuarto trimestre de 2021 o 6,4 por cento do PIB de Galicia ou o que é o mesmo, 4.137 millóns de euros.
Nas devanditas cifras non están incluídas as actividades inmobiliarias, que tamén terían un parón significativo, e que supoñen o 10 por cento do PIB galego. Isto é, máis de 6.000 millóns de euros. Tamén se están vendo afectadas outras actividades profesionais dependentes do sector da construción (profesionais da promoción inmobiliaria, arquitectura, arquitectura técnica e enxeñerías, organismos de control técnico, empresas certificadoras, empresas de control de calidade, etc.), que supoñen outro 1 por cento máis do PIB, é dicir, máis de 600 millóns de euros. Ditas cifras revelan que o paro da actividade construtiva vai significar unha baixada no PIB de máis do 17 por cento, tendo en conta o impacto colateral que tería noutras áreas de actividade.
O cesamento da actividade do sector da construción en Galicia está a ter, por tanto, un impacto económico e social demoledor, que se cifra nunhas perdas de máis de 20 millóns de euros diarios mentres se manteña o cesamento de actividade.
Ademais, a este efecto directo habería que sumarlle a probable imposibilidade de executar unha parte importante dos Fondos Next Generation asignados ao ano 2022 e que dependen en gran parte da construción. Segundo a normativa actual vixente, os devanditos fondos perderíanse, e ademais comprometeríase a recepción de fondos futuros ao incumprirse os compromisos de execución adquiridos ante a UE.
MEDIDAS SOLICITADAS ÁS ADMINISTRACIÓNS
Por todo iso, os distintos axentes implicados na actividade construtiva que integran o Foro da Construción (Federación Galega da Construción, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Colexio de Enxeñeiros de Camiños. Canais e Portos de Galicia, Federación de Promotores de Edificación e Chan de Galicia e Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos) en reunión de urxencia, solicitan das Administracións competentes a adopción inmediata da seguinte batería de medidas:
_Garantir a libre circulación das mercadorías.
_Favorecer a contención dos prezos da enerxía e dos combustibles, de tal modo que se garanta a actividade da industria que permita asegurar o abastecemento de materiais e a contención do custo nas obras.
_Facilitar a ampliación de prazos das obras en execución. _Permitir a ampliación de prazo na entrega de vivendas.
_Permitir modificacións nos contratos para lograr o seu reequilibrio económico
_A posta en marcha dun mecanismo de revisión de prezos simple e fácil de aplicar.
_Permitir a presentación de Ertes por causa de forza maior ás empresas do sector.
+ info: www.aparelladores.org
Prensa do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.
679.486.961