_O presidente do Consello Galego de Aparelladores, José Manuel Grandío, destaca que os premios “recoñecen o talento” dos novos titulados e asegura que a calidade dos traballos “pon alto o listón do prestixio” da profesión
_Os galardóns premian os mellores Traballos Fin de Grao, todos dirixidos á rehabilitación, e ao mellor expediente académico, que é para Ismael González
_O alumno Denís Prieto Giraldo obtén o Primeiro Premio por un traballo de rehabilitación passivhaus dunha vivenda popular na Rúa Carballa de Santiago
_Un dos accésits premia a restauración dunha vivenda en Mondaríz-Balneario e outro recoñece os traballos de rehabilitación da Casa da Cultura do Grove
A Coruña. 28/11/2022. O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos concedeu os Premios Galicia 2021-2022 aos Traballos Fin de Grao (TFG) defendidos polos alumnos da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña (EUATAC) e presentados a concurso. O primeiro premio recaeu en Denís Prieto Giraldo, polo seu traballo, que contou coa titoría de Manuel Porta Rodríguez, Rehabilitación Passivhaus con Cros Laminated Timber (Panel Contralaminado de Madeira) de Vivenda Popular Galega en Rúa da Carballa no Concello de Santiago de Compostela. O segundo premio foi para Julia Prieto Piñeiro polo seu traballo Contribución das Estruturas á Sostibilidade segundo a Normativa proposta polo Código Estrutural. O seu titor: Emilio Ricardo Mosquera Rey.
O xurado dos Premios Galicia 2021-2022 concedeu, así mesmo, tres accésits, que recaeron en Carla Pereiro González, polo seu Proxecto Técnico de Rehabilitación e Reforma dunha Vivenda Unifamiliar no Lugar de Outeiro-Domingo Blanco, nº5-Mondariz Balneario; en Carlos Rieira Menéndez, polo seu traballo Proxecto de Instalacións de Subministración, Depuración, Reutilización de Augas de Choiva e Grises en Vivenda Unifamiliar; e en Lara Castro Díaz, polo seu Proxecto de Rehabilitación da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey no Grove, Pontevedra. Os titores destes tres traballos foron, por esta orde, Carlos José Mantiñán Campos, José Antonio Álvarez Díaz e Francisco Javier López Rivadulla. O Premio ao Mellor Expediente Académico do curso 2021-2022 da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña foi concedido a Ismael González Sande.
O presidente do Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, José Manuel Grandío Rodríguez, tamén presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Lugo, asegurou que estes galardóns serven “para premiar a docencia, a través dos directores académicos e titores, e o esforzo do alumnado”. O representante dos ‘aparelladores’ de Galicia destacou o “talento” dos recentemente titulados e recoñeceu que a calidade dos traballos “pon alto o listón do prestixio do alumnado, da Escola e da profesión de arquitectura técnica”. “Cada ano atopámonos con maiores dificultades para elixir os Premios Galicia da nosa profesión”, asegurou José Manuel Grandío Rodríguez. O xurado dos Premios Galicia 2021-2022 do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, reunido a inicios de novembro de 2022, destacou a calidade dos traballos.
Os premios foron entregados o 18 de novembro no acto de gradación e entrega de titulacións de Mestrado e Grao da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña, celebrado na súa Aula Magna, ao que asistiron o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o director da Escola de Arquitectura Técnica da UDC, Valentín Lamas López e a subdirectora da EUATAC, Susana Robles Sánchez. Tamén estiveron os presidentes dos Colexios Oficiais da Arquitectura Técnica da Coruña, Roberto Medín Guyatt; de Ourense, Darío López Fernández; de Pontevedra, Manuel Rañó Rodríguez; e de Lugo, José Manuel Grandío Rodríguez, quen como presidente do Consello Galego interveu no acto de gradación. A secretaria xeral do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, Rosana Rivas Mariño, foi a encargada de ler o fallo do xurado.
O xurado dos Premios Galicia 2021-2022, ademais de por os catro presidentes dos Colexios da Arquitectura Técnica, estivo integrado polo arquitecto técnico colexiado Emilio Mosquera Rey, profesor do Departamento de Construcións Arquitectónicas, Civís e Aeronáuticas designado pola Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña. Como secretaria actuou Rosana Rivas Mariño.
+ info: www.aparelladores.org
Prensa Consello Galego Aparelladores. 679.486.961