O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos (CGCAAT) e o Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia ( COAFGA) colaborarán na xestión e difusión de axudas á rehabilitación de edificios, concretamente os fondos Next Generation, procedentes da Unión Europea. O presidente dos ‘aparelladores’ de Galicia, Roberto Medín Guyatt; e o presidente dos administradores de fincas de Galicia, Martín Bermúdez da Puente González do Valle, rubricaron un convenio de colaboración o pasado 29 de outubro de 2021 na sede de COAFGA, na cidade da Coruña.
Os dous colectivos de representación profesional comprométense a colaborar para axilizar as xestións coas administracións públicas; establecer unha canle de comunicación para administradores de fincas colexiados que o soliciten e acceso a servizos de aparelladores, arquitectos técnicos e enxeñeiros de edificación dos Colexios Oficiais da Arquitectura Técnica da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra que integran o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.
Ambas as partes, a través deste convenio, tamén se comprometen a realizar o visado dos documentos necesarios para a tramitación das axudas en materia de rehabilitación, como garantía de cumprimento das esixencias normativas. As dúas corporacións tamén colaborarán na celebración de xornadas prácticas de formación para os profesionais de ambas as corporacións, con técnicos especializados nas materias de interese como a tramitación das axudas de fondos europeos Next Generation ou sobre calquera normativa que puidese afectar a comunidades de propietarios.
Bolsa de traballo
O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, pola súa banda, poderá crear unha bolsa de traballo integrada por profesionais colexiados en calquera dos Colexios Oficiais da Arquitectura Técnica da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que manifesten a súa vontade de participar nas actuacións do convenio de acordo a un protocolo de actuación que se desenvolverá para o efecto.
O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos ten entre os seus fins, segundo os seus estatutos, realizar todas aquelas actividades que supoñan o desenvolvemento, difusión e mellora da profesión de aparellador, arquitecto técnico ou enxeñeiro da edificación nos seus distintos aspectos e o medio ambiente considerados como unha función social e cultural.
O COAFGA, pola súa banda, ten entre os seus fins áreas relacionadas co rexistro e control deontolóxico dos seus colexiados, a ordenación profesional do exercicio de administración de leiras, o control da calidade dos seus servizos, e todos os que redundan nos intereses xerais e privados dos seus colexiados e da profesión que estes desenvolven.