O presidente do Consello Galego de Aparelladores di que a profesión vive “un bo momento” e augura aos novos titulados que “terán unha carga gradual de traballo” ante as escasas matrículas doutros cursos e as xubilacións de profesionais

Roberto Medín Guyatt alerta ao reitor da UDC da “escaseza de arquitectos técnicos na docencia”, xa que as xubilacións de docentes son substituídas por doutores doutros ámbitos, sen a experiencia necesaria na arquitectura técnica

Os galardóns premian aos mellores proxectos do alumnado nos seus TFG, todos eles dirixidos á rehabilitación, e ao mellor expediente académico, que é para Iván Casal

O Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos concedeu os Premios Galicia 2020-2021 aos Traballos Fin de Grao defendidos e superados polos alumnos da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña. O primeiro premio recaeu en Rubén Santeiro Rego, polo seu traballo Rehabilitación de vivenda unifamiliar tradicional galega e mellora da súa leira para turismo rural, no lugar As Cavadas, Ribeiras do Sor, Mañón, A Coruña. O segundo premio foi para Diego Rodríguez Casal, polo seu Proxecto básico e de execución de rehabilitación de vivenda unifamiliar en Lugar de Ou Aramio, San Martiño de Aríns 5, Santiago de Compostela.

O xurado dos Premios Galicia 2020-2021 concedeu, así mesmo, tres accésits, que recaeron en Sandra Gutiérrez Fernández, polo seu Proxecto técnico de rehabilitación de vivenda unifamiliar en Lugar de Leboradas- Gaibor, San Xulián 72, Begonte, Lugo; en Iván Ares Igrexas, polo seu Estudo enerxético e proposta de mellora dun edificio residencial situado en Touro, A Coruña; e en Tania Mariño Méndez, pola súa Rehabilitación enerxética de edificio residencial na avenida Juan Navia Castrillón 11, Viveiro, Lugo.

O Premio ao Mellor Expediente Académico do curso 2020-2021 da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña foi concedido a Iván Casal Arcas. O presidente do Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, Roberto Medín Guyatt, asegurou que estes galardóns serven “para premiar a docencia, a través dos directores académicos, e o esforzo do alumno; ese superarse ano tras ano que pon alto o listón do seu propio prestixio e o de todos”. “Cada ano atopámonos con maiores dificultades á hora de elixir estes Premios Galicia da nosa profesión”, asegurou o presidente dos aparelladores de Galicia.

O xurado dos Premios Galicia 2020-2021 do Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, reunido a inicios do mes de novembro de 2021, destacou a calidade dos traballos. Os premios foron entregados o 19 de novembro no acto de gradación e entrega de titulacións de Máster e Posgrao da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña, ao que asistiron o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e o director da Escola de Arquitectura Técnica, Santiago López Piñeiro. Tamén acudiron os presidentes dos Colexios Oficiais da Arquitectura Técnica de Lugo, José Manuel Grandío Rodríguez; de Ourense, Darío López Fernández; de Pontevedra, Manuel Rañó Rodríguez; e da Coruña, Roberto Medín Guyatt, quen como presidente do Consello Galego interveu no acto de gradación.

O xurado dos Premios Galicia 2020-2021, ademais de por os catro presidentes dos Colexios da Arquitectura Técnica, estivo integrado polo arquitecto técnico colexiado Manuel Porta Rodríguez, profesor do Departamento de Construcións Arquitectónicas, Civís e Aeronáuticas designado pola Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña. Como secretaria actuou Rosana Rivas Mariño, secretaria do Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.

O presidente do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, no seu discurso ante os recén titulados da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña do curso 2020-2021, destacou que para os novos profesionais “chega o momento da verdade, de enfrontarse ás distintas situacións laborais”. Díxolles que están xa preparados para exercer a profesión e recomendoulles que se deixasen aconsellar. Tamén se brindou a que os Colexios poidan “axudar e resolver cantas dúbidas váiansevos expondo”.

Protagonistas das rehabilitacións

Respecto ao momento que vive a profesión, o presidente dos aparelladores de Galicia dixo que “comeza un tempo profesional moi interesante” da man do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, impulsado a través do RD 853/2021 e que servirá para a rehabilitación enerxética de edificios residenciais e a mellora da accesibilidade. Esta iniciativa está dotada con 4.420 millóns de euros para executar nos próximos anos, que xestionarán as comunidades autónomas. “Os arquitectos técnicos levaremos o maior peso da execución destas rehabilitacións”, destacou Roberto Medín Guyatt, quen, ao seu xuízo, considera que “esta carga inmensa de traballo será un reto para cumprir para os profesionais colexiados”.

O presidente do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos tamén falou aos novos titulados da colexiación profesional, obrigatoria para exercer esta profesión. “Dámosvos a benvida á profesión e animámosvos a que vos colexiedes; porque no Colexio da vosa demarcación atoparedes o apoio de asesorías técnicas, xurídicas e laborais, así como moitos outros servizos”.

Roberto Medín Guyatt, no seu discurso, tamén aludiu á actual situación económica xeral e sectorial. “Afortunadamente estamos a observar certa recuperación da actividade tanto en Galicia como no resto de España; lenta, pero que aos poucos se vai consolidando”. Augurou, para os novos profesionais que se incorporan ao mercado laboral, “un incremento gradual de traballo porque, dada a escasa matrícula destes cursos pasados e as xubilacións de profesionais da arquitectura técnica, o traballo aumentará para vós”. Ao seu xuízo, “é un bo momento para a profesión”.

Arquitectos técnicos, na UDC

O presidente dos aparelladores e arquitectos técnicos de Galicia, dirixíndose ao reitor da UDC, tamén destacou o problema que xera a escaseza de arquitectos técnicos na docencia ante as xubilacións. “Son substituídos por outros profesionais pola esmagadora valoración que se ten cara os doutores, aínda que non sexan do noso gremio, e en detrimento do profesional asociado da categoría de arquitecto técnico”. A xuízo de Roberto Medín Guyatt, o profesor asociado “é quen pode transmitir os coñecementos prácticos para aquelas materias específicas na nosa carreira profesional”. O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, neste sentido, ofrécese a colaborar coa Universidade da Coruña “para que non se deteriore o bo nivel dos alumnos da Escola da Coruña”, institución que todos os anos figura entre os primeiros postos do ranking estatal.

+ info: www.aparelladores.org
Prensa do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.
679.486.961