Os ‘aparelladores’ de Galicia lanzan unha mensaxe de tranquilidade á poboación da comunidade galega: “A nosa lexislación, tanto nacional como autonómica, é garantista na construción de edificacións”
O Consello Galego da Arquitectura Técnica mostra o seu pesar polas vítimas
Santiago de Compostela. 26/02/2024. O Consello Galego dá Arquitectura Técnica, ante o devastador incendio do complexo de vivendas no barrio do Campanar da cidade de Valencia, apela á “prudencia e cautela” ata que se coñezan os resultados das investigacións que aclaren a composición do sistema construtivo dos edificios e as causas do sinistro.
A Xunta de Goberno do Consello Galego da Arquitectura Técnica, en representación de todos os profesionais da arquitectura técnica da comunidade autónoma, mostra o seu profundo pesar polas vítimas deste terrible incendio e traslada as súas condolencias aos familiares dos falecidos. O Consello Galego da Arquitectura Técnica é o órgano de representación e coordinación no ámbito autonómico dos catro entes colexiais provinciais: Colexios da Arquitectura Técnica da Coruña (COATAC), Lugo (COATLU), Ourense (COATOU) e Pontevedra (COATPO).
O Consello Galego da Arquitectura Técnica, do mesmo xeito que fai o Consejo General de la Arquitectura Técnica de España (CGTE), lanza unha mensaxe de tranquilidade á sociedade galega: “A nosa lexislación, tanto no ámbito nacional como autonómico, é garantista desde o punto de vista das tecnoloxías e materiais que se utilizan na construción de edificio”.
O Código Técnico da Edificación é un marco lexislativo restritivo que está suxeito a procesos de actualización e modernización constantes. Un dos seus Documentos Básicos (DB) establece as esixencias de seguridade en caso de incendio (Seguridade contra Incendio), que consiste en reducir a límites aceptables o risco de que os usuarios dun edificio sufran os danos derivados dun incendio de orixe accidental, como consecuencia das características do seu proxecto, construción, uso e mantemento. Na Comunidade Valenciana, segundo lembra o Consello Xeral da Arquitectura Técnica de España, as edificacións contan, ademais, cunha normativa específica sobre control de calidade desde o ano 1991. No caso de Galicia existe tamén normativa autonómica que regula o control de calidade das edificacións desde o ano 1993.
+ info: www.aparelladores.org
Prensa del Consello Galego da Arquitectura Técnica. 679.486.961