A conselleira de Vivenda destacou na entrega do galardón que Roberto Medín “é un exemplo de ética, compromiso e humanidade; un referente da profesión”

A Coruña. 27/11/2025. O arquitecto técnico coruñés Roberto Medín Guyatt recibiu onte o recoñecemento á súa traxectoria profesional nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2025 da Xunta. O acto, presidido pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, tivo lugar no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela.

A conselleira agradeceu o traballo dos profesionais que “tanto achegaron ao progreso de Galicia”. No caso do arquitecto técnico Roberto Medín, destacou que merece este recoñecemento a unha carreira tan prolífica por ser “un exemplo de ética, compromiso e de humanidade”. Allegue indicou que “Roberto Medín é un referente da profesión durante cinco décadas e merece o maior dos recoñecementos”.

Á gala tamén asistiron o secretario xeral técnico da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Yago Borrajo; o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto; a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas; ou o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos.

En representación da profesión da arquitectura técnica estiveron presentes o presidente do Consello Galego dá Arquitectura Técnica, Carlos Mato, tamén presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica (COAT) da Coruña; e os máximos responsables do COAT Lugo, José Manuel Grandío; do COAT Ourense, Darío López; e do COAT Pontevedra, Manuel Rañó. Tamén asistiu a secretaria xeral do Consello Galego da Arquitectura Técnica e delegada en Santiago do COATAC, Rosana Rivas; o tesoureiro contador e delegado en Ferrol do COATAC, Benito José Calvo, e a ex secretaria da Xunta de Goberno do COATAC, Rosario Salgado.

O xurado dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2025, na reunión celebrada o 17 de outubro de 2025, acordou por unanimidade conceder a Roberto Medín Guyatt o premio especial á traxectoria profesional na categoría de aparellador ou arquitecto técnico, “en recoñecemento á súa longa, exitosa e impecable vida laboral a favor da arquitectura técnica no territorio galego”.

Roberto Medín Guyatt, aínda en activo, é un referente no mundo da arquitectura técnica en Galicia. Exerceu a profesión liberal en Dirección da Execución de Obras e en Coordinación de Seguridade e Saúde de obras públicas e privadas. É tamén mediador e inspector técnico de edificios. No campo da docencia exerceu como profesor nas materias de Dirección, Xefatura e Xestión de Obras; Construción IV e Medicións, Orzamentos e Valoracións da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña (UDC), de onde é profesor honorario do Departamento de Construcións e Estruturas.

TRAXECTORIA PROFESIONAL DE ROBERTO MEDÍN GUYATT

A carreira profesional de Roberto Medín Guyatt comeza en 1972 como arquitecto técnico contratado no servizo da Administración de Defensa, na Comandancia de Obras da Coruña, como xefe de obra en diversas obras de rehabilitación, modernización e de nova planta, destacando entre outras actuacións a Modernización do Hospital Militar da Coruña, o novo edificio da Xefatura de Sanidade. Ao mesmo tempo, comeza a súa actividade de dirección de execución colaborando co estudo de arquitectura do arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois.

En 1981 deixa a Comandancia de Obras e desde entón desenvolve a súa actividade profesional integramente no eido do exercicio libre da profesión, con dedicación principal á Dirección da Execución de Obras de Edificación, á Coordinación de Seguridade e Saúde, á Inspección Técnica de Edificios e á Pericia Xudicial.

A súa participación como director de execución de obra e como coordinador de seguridade e saúde, en importantes promocións tanto públicas como privadas e colaborando cos profesionais máis prestixiosos, é ampla e extensa.

A continuación, algunhas das súas obras máis recoñecidas e importantes:

  • Facultades de Matemáticas e Bioloxía do Campus da USC.

  • Estadio de San Lázaro, en Santiago de Compostela.

  • Edificio Sede de Red Eléctrica na Coruña.

  • Edificio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), en San Lázaro, Santiago de Compostela.

  • Edificio do Instituto Galego de Estatística (IGE), en San Lázaro, Santiago de Compostela.

  • Edificio Administrativo para o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), en San Lázaro, Santiago de Compostela.

  • Residencia Oficial do presidente da Xunta de Galicia en Monte Pío, Santiago de Compostela.

  • Edificio para a Biblioteca do Estado na Avenida Xoán XXIII de Santiago de Compostela.

  • Edificio Administrativo para a Xunta de Galicia en Campolongo, en Pontevedra.

  • Edificio para a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, no Polígono de Sabón – Arteixo.

  • Montaxe de Elementos Museográficos do Museo de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) na Coruña.

Defensa da profesión

Roberto Medín Guyatt tamén destacou na defensa activa da profesión a través da súa participación en distintos órganos de goberno da arquitectura técnica. Foi presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña, presidente do Consello Galego da Arquitectura Técnica e membro do Consello Xeral da Arquitectura Técnica de España. Foi así mesmo redactor da normativa deontolóxica de actuación profesional. Tamén exerceu como secretario xeral de Unión Profesional de Galicia.

+ info: www.aparelladores.org

Prensa do Consello Galego da Arquitectura Técnica. 679.486.961