A Universidade de Santiago de Compostela infórmanos sobre a súa oferta de mestrados e programas de doutoramento que consideramos de interese para os colexiados e colexiadas da Arquitectura Técnica de Galicia.
As universidades públicas galegas e do norte de Portugal unen as súas capacidades no proxecto Universidade Sem Fonteiras (UNISF), unha iniciativa formativa que ofrece catro novas titulacións de posgrao. Este novo proxecto, no que tamén colabora a Fundación Centro de Estudos Eurorregionales, aposta polo desenvolvemento de estudos innovadores, cooperativos e creativos, cunha clara compoñente transfronteiriza e multidisciplinar. As titulacións propostas buscan atender necesidades laborais e formativas de futuro, prestando atención a cuestións de plena actualidade.
Concretamente, infórmannos sobre o Mestrado Universitario en Desafíos das Cidades (USC, UDC, UVIGO, UMINHO, UPORTO, UTAD) que propón analizar os desafíos actuais aos que se enfronta unha cidade, considerando seis dimensións ou áreas científicas: física, social e educativa, ambiental, tecnolóxica, de gobernanza e económica.
O alumnado accederá a competencias nas seis áreas do mestrado: patrimonio construído, medio ambiente, ciencias sociais e da educación, tecnoloxías da información, gobernanza e economía, para levar a cabo accións de construción de cidades sostibles, intelixentes, eficientes, resilientes e inclusivas.
Actividades formativas
• Formalización das estruturas urbanas
• Desafíos sociais e educativos das cidades
• Desafíos ambientais das cidades
• Desafíos tecnolóxicos das cidades
• Gobernanza e políticas urbanas
• Economía urbana
• Prácticas externas
• Metodoloxías de investigación
• Traballo Fin de Máster
Duración: 3 semestres/ 90 ECTS
Réxime: semi-presencial
Idiomas: galego, castelán, portugués
Prazas: 6 USC (total consorcio UNISF: 36)
Máis información: https://www.universidadesemfronteiras.eu/educative-offer/3