O máximo responsable dos ‘aparelladores’ asegura que o futuro da construcción na comunidade autónoma pasa pola “rehabilitación”

Manuel Rañó aposta polo futuro profesional da Arquitectura Técnica e alerta que en Galicia “quedan vacantes moitas ofertas laborais” porque non hai suficientes profesionais para cubrir a demanda que xera o sector

Santiago de Compostela. XX/07/2024. Manuel Rañó Rodríguez, actual presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo) é o novo presidente do Consello Galego da Arquitectura Técnica, órgano que representa a esta profesión no ámbito da comunidade autónoma e con capacidade de xestión e representación ante a Administración autonómica. No Consello Galego da Arquitectura Técnica están representados os entes colexiais provinciais: Colexios da Arquitectura Técnica da Coruña (COATAC), Lugo (COATLU), Ourense (COATOU) e Pontevedra (COATPO).

Manuel Rañó é titulado pola Escola de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña e pola Universidade Camilo José Cela. Exerce como profesional independente desde fai máis de trinta anos. Ten o seu estudo na localidade de Vilagarcía de Arousa. Cales son os retos que exporá á fronte do Consello Galego? “Basearemos a nosa xestión, seguindo a liña dos nosos antecesores, en defender a profesión e a súa deontología profesional; colaborar coas diferentes Administracións públicas e ser intermediarios ante elas de todas as inquietudes da profesión; apostar pola formación continua de calidade; reivindicar o desenvolvemento tecnolóxico e aforro enerxético; avogar pola calidade, a seguridade e a saúde; e coidar e conservar a nosa contorna e o medio ambiente”. Seguirá exercendo como a voz da arquitectura técnica ante a Administración autonómica.

A profesión atravesa un bo momento

Respecto a os profesionais da Arquitectura Técnica, Manuel Rañó destaca que o sector “vive un bo momento”. Asegura que desde hai tempo “percíbese un abundante incremento de encargos profesionais”. Lamenta que “o sector, para cubrir as vacantes, non conte con suficientes profesionais”. Segundo datos do Consello Galego e os colexios das catro provincias galegas da Arquitectura Técnica, “existen moitas ofertas laborais que non poden ser atendidas pola carencia de profesionais especializados da Arquitectura Técnica”. Asegura que hoxe en día “é un lastre para a actividade, do mesmo xeito que sucede coa escaseza de traballadores”. Rañó recoñece que “este problema é difícil de solucionar dun día para outro”. “Require unha planificación” que incentive a incorporación de mozos profesionais e que permita formalos para que nun futuro próximo ocupen postos estratéxicos. Tamén aposta por continuar incentivando a presenza da muller no sector da construción. “E para iso precisamos tamén da implicación das Administracións”.

O máximo representante do Consello Galego da Arquitectura Técnica apunta que o futuro do sector en Galicia pasa pola rehabilitación. “Temos un parque edificado envellecido e con moitas vivendas baleiras”, afirma Manuel Rañó, quen destaca a bondade das axudas Next Generation de Europa. “Estes fondos dinamizaron o noso sector nos últimos anos e permitiron mellorar, desde o punto de vista enerxético, nosas vivendas para reducir o consumo e minorar o emprego de combustibles fósiles”. “Confiamos en que se continúe con estas axudas máis aló do curto e medio prazo”, afirma.

O Consello Galego da Arquitectura Técnica renova cada ano os cargos, que asumen de forma rotatoria os máximos responsables de cada un dos colexios provinciais. A Xunta de Goberno do Consello Galego da Arquitectura Técnica esta presidida desde o 1 de xullo de 2024 e ata o 1 de xullo de 2025 por Manuel Rañó Rodríguez. Ademais forman parte dela Carlos Mato Méndez, presidente do COAT da Coruña; José Manuel Grandío Rodríguez, presidente do COAT de Lugo; Darío López Fernández, presidente do COAT de Ourense, e a secretaria xeral do Consello Galego, Rosana Rivas Mariño.

+ info: www.aparelladores.org

Prensa del Consello Galego da Arquitectura Técnica. 679.486.961