No marco do principio xeral de colaboración, recollido na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos asinou, no ano 2014, o protocolo de colaboración coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no ámbito da quenda de asistencia pericial á Administración de Xustiza en Galicia.
O protocolo de colaboración establece que o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos organizará unha quenda para a prestación de asesoramento e ditame pericial nos procedementos penais nos que se requira por un xuíz ou tribunal a proba pericial de oficio ou a pedimento do Ministerio Fiscal ou cando a proba fose acordada a solicitude dun beneficiario de asistencia xurídica gratuíta, así como cando se acordase, en procedemento de calquera orde xurisdicional, polo xuíz de oficio ou a pedimento do Ministerio Público en beneficio de menores abandonados ou persoas incapaces ou desvalidas ou fose acordada polo xuíz a solicitude dun beneficiario de asistencia xurídica gratuíta.
A quenda estará atendida polos colexiados que se inscriban voluntariamente e que haberán de reunir os requisitos de cualificación técnica, formación e experiencia práctica que o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos determine e a Administración de Xustiza requira.
A incorporación á quenda de peritos forenses do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos efectuarase unha vez ao ano, terá carácter voluntario e producirase por petición do interesado, acreditando as condicións que de seguido se sinalan:
- A pertenza e a incorporación ao Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.
- A antigüidade no desempeño efectivo da súa profesión polo menos de tres anos.
- A acreditación, a xuízo do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, dunha formación específica, ou a participación en cursos de especialización dirixidos á avaliación e á peritaxe que se solicita.
- Non estar incursos en incompatibilidade legal ou deontolóxica.
O prazo de inscripción para a quenda de Peritos Forenses do ano 2024, finalizou o 15 de decembro de 2023.
Na Xunta de Consello Galego, celebrada o día 10 de novembro de 2023, procedeuse a realizar o sorteo da letra para a quenda de peritos do ano 2024, sendo o resultado do sorteo a letra Y.
Para consultar as bases e descargar o boletín debes contactar co teu Colexio de pertenza.