O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, constituído polos Colexios Oficiais da Arquitectura Técnica de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, asinou, no ano 2021, o convenio de colaboración coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) no ámbito da colaboración social para a aplicación das novas tecnoloxías da información nos procedementos de xestión tributaria.

Dado que a colaboración social na xestión tributaria constitúe un instrumento previsto no artigo 92 da Lei Xeral Tributaria e conscientes do servizo ao cidadán que pode supoñer concentrar nunha única xestión todos os trámites relacionados coa iniciación dos procedementos administrativos de carácter tributario e, aproveitando as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías da información, este convenio de colaboración permite aos colexiados, en representación dos contribuíntes que voluntariamente llo soliciten, facer e/ou iniciar moitos dos trámites que actualmente están estes obrigados a realizar ante esta.

O marco de colaboración ofrece aos obrigados tributarios a posibilidade de levar a cabo, desde a propia oficina á que os contribuíntes, voluntariamente, encomenden os servizos que prestan en relación coa tramitación de procedementos de xestión tributaria, os seguintes trámites:

– Información sobre o valor dos bens inmobles situados en Galicia que vaian ser obxecto de adquisición ou transmisión e, no seu caso conforme coa normativa vixente, obtención dos acordos previos de valoración que sexan da competencia da Consellería de Facenda.
– Presentación, pago e remisión por vía telemática das autoliquidacións, declaracións, liquidacións e/ou recibos correspondentes aos seguintes impostos:

a) Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados ( ITP- AJD)
b) Imposto sobre sucesións e doazóns (ISD).
c) Taxas fiscais sobre o xogo.
d) Imposto sobre contaminación atmosférica (ICA).
e) Imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos de auga embalsada (IDMAE).
f) Canon eólico (CE).
g) Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM).
h) Canon sobre os inmobles declarados en estado de abandono (CIDEA).
i) Imposto especial sobre determinados medios de transporte, a partir do momento en que a Comunidade Autónoma de Galicia solicite o traspaso dos servizos adscritos.
j) E, demais impostos, taxas, prezos e outros ingresos de dereito público competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para os que se prevea a presentación, pago e remisión por vía telemática.

ATRIGA porá a dispor dos colexiados que voluntariamente se inscriban a conexión telemática aos seus equipos informáticos, mediante un procedemento seguro que garanta a identidade dos colexiados e a recíproca transmisión dos datos, a través da cal poderán realizar a remisión dos documentos anteriormente citados.

No ámbito deste convenio os colexiados dos Colexios Oficiais da Arquitectura Técnica de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra consideraranse colaboradores da ATRIGA e responderán solidariamente do pago documentado nas autoliquidacións transmitidas co correspondente NRC, emitido por algunha das entidades financeiras que, adheridas a esta forma de pago, actúen como colaboradoras na recadación dos tributos cedidos.

As relacións dos colexiados coas persoas que utilicen as posibilidades que ofrece este Convenio estarán suxeitas ás normas reguladoras do exercicio da súa profesión e a Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Os colexiados que desexen inscrirbirse como colaboradores sociais na aplicación das novas tecnoloxías da información nos procedementos de xestión tributaria deberán solicitar a alta para o que cubrirán a solicitude de autorización, así como a ficha de identificación de usuarios que teñen á súa disposición no seguinte enlace.

Na páxina web da ATRIGA (www.atriga.gal) os colexiados teñen á súa disposición o novo servizo de cita previa para información tributaria xeral no seguinte enlace.

Novo teléfono de INFORMACIÓN AO CONTRIBUÍNTE: 881 955 800